domingo, 20 de febrero de 2011

La Creedence según Xornal de Galicia


Bares hainos a moreas, e máis en Galicia. Non obstante, ás veces un leva unha sorpresa, e atopa un recuncho que non esperaba encontrar. Un lugar no que poder tolear un pouco máis cada día á saída do traballo pero tamén no que poder descansar. O Creedence Rock é un bo sitio, tanto para unha cousa como para a outra.

O Creedence Rock semella un bar de moteiros, mais non o é. Tamén parece un bar de rockers, pero tampouco o é. Achégase a un bar de boas tapas, pero estritamente tampouco é iso. Unha viñoteca, quizais? O Creedence non é nada diso, aínda que á vez é iso todo. É un lugar polifacético, onde a única premisa é pasalo ben e estar a gusto, e o certo é que todos poñen da súa parte para que así sexa.

Mónica Bernardos e Ramón López–coñecido tamén como o calvo cabrón– tiñan unha idea dende hai tempo que lles rondaba polos miolos: a de montar un bar onde se puidese falar. “Que tivese boa música, música rock e dos oitenta, pero onde un puidese escoitar o outro”, comentan.
Un día atoparon o cartel de “Alúgase” nunha cervexaría na Coruña, diante do estadio de Riazor, e decidiron cimentar o bar que xa tiñan construído nos seus miolos.

O Creedence non é un bar estrictamente de moteiros, máis habelos hainos. Hainos nos cadros que penduran nas paredes e hainos tamén na barra. Moitos son amigos de Mónica e de Ramón, porque tamén eles son dous namorados das motos. “Ramón e mais eu somos moteiros, e temos moitos amigos que tamén o son, pero cando abrimos o bar non queriamos que fose un bar só de moteiros, é un bar no que pasalo ben”, explica Mónica.

Tampouco o Creedence é un bar de rockabilly, aínda que o nome vénlle por aquel mítico grupo dos sesenta que o Gran Lebowsky escoitaba sempre no seu coche. Xusto na parede enfrontada á da barra, na que dominan as imaxes de motoristas, hai outra repleta de grandes cantantes norteamericanos, deses cuxas cancións escriben a banda sonora dunha vida. Nas pantallas de televisión tamén se ven os videoclips e os concertos de rockeiros que animan a beber cervexa e abrazar a un amigo. “No Creedence temos moi boa música, escapamos do chunda chunda e do pachangueo. Que pode haber mellor que estar falando cun colega e bebendo unha cervexa mentres soa unha canción de Kenny Roger e Dolly Parton?”, inquire Ramón, o calvo cabrón máis encantador da noite coruñesa.

Nin Ramón nin Mónica se dedican á hostelería en exclusiva, de feito un ten unha empresa de seguridade e a outra é publicista. É por iso que o Creedence conta con destacados camareiros, que fan máis agradable a velada. “Temos a Isi e a Luís, así que como podes ver, non nos interesa ter a unha tía boa detrás da barra para nada”, aseguran entre risas.
“Este bar naceu porque sabemos que hai moitísima xente de 40 anos que non ten onde ir, que o seu bar de referencia non é un onde non se poida escoitar do alta que está a música e onde non se poida disfrutar de produtos de calidade”, comentan no bar.

Porque no Creedence, ademais de boa xente e boa música tamén hai algo fundamental en toda cervexaría que se precie: a cervexa, claro. “Aquí temos Estrella por suposto, pero tamén todo tipo de cervexas internacionais, cousa que hai en moi poucos bares da Coruña”, declara Mónica, quen engade: “Tamén temos uns viños moi bos. Non é que haxa unha carta enorme, pero todo o que hai é da mellor calidade, e iso é o que buscamos”.

Precisamente por aquelo de pasar mellor as cervexas, tamén hai tapeo. “Temos cociña, pero non para vir aquí a comer un cocido. O que ofrecemos é algo que acompañe ben a un bo viño: Salchichas, tostas e moi bo embutido”. Así é o Creedence, un bar para moteiros, para rockeiros, para apaixoados do bo viño e a boa cervexa. Un bar para xente case feliz.

No hay comentarios:

Publicar un comentario